Costumismo galego en tres actos e epílogo
— ¿Oiches, Pepe?...
— ¿Que pasa, Manuel?
— Que xa saíu a traducción ao galego de Mozilla 1.4 RC2.
— ¡Arre demo! Ainda che apurou ben a facela.
— Se é que dende RC1 houbo poucos cambios.
— ¿E onde se pode baixar?
— En http://trasno.net/mozilla/ está, se a rede da universidade da Coruña non falla.
— Ho, pois non che sei eu, ¿eh? Eu vou baixalo o antes que poida.
— Ah, ¿pero ti tés Internet dese?
— Si, truquei o TRAC cunha pouca bosta da Marela, e...
— Iso, iso, merda para a Telefónica.
Corenta e oito horas máis tarde...
— Que, ¿como vai, Pepe?
— Xa acaba mesmo de rematar.
— Si que vai rápido Internet hoxe... este mes, digo.
— É que a Marela dá moi boa bosta.
— Vale, vale, ¿e como se instala?
— Pois mira, arrinco o Mozilla identificado co usuario co que o instalei, e como xa estaba a usa-la traducción, cambio ao inglés, indo a Edit, Preferences, Appearance, Languages. Despois vou a http://trasno.net/mozilla/ e premo na ligazón correspondente á versión de Mozilla que teño instalada.
— Ei, que che di que instalar software pode ser perigoso.
— Nada, nada, non hai problema ningún. Doulle a Aceptar, e agardo a que remate. Despois pecho o Mozilla e volvo entrar, pero esta vez co meu usuario habitual.
— ¿E se fora o mesmo usuario?
— Tería que saír e volver entrar o mesmo. Ah, vou ao Edit, Preferences, Appearance, Languages, e aí ves, "Galego". Selecciónoo, doulle a Aceptar e volvo saír do Mozilla.
— ¿Saír outra vez?
— Si. Isto hai que reinicialo case máis veces có Windows. Ben, agora arrinco... e xa está. En galego, como ten que ser.
— Ai, que bonito. Ata me dan ganas de lle mandar algo ao traductor, e todo.
— Nada, non lle mandes nada, que é parvo e traballa gratis, ese Jacobo.